Así, en concreto, ata o vindeiro 29 de setembro poden pedirse os apoios dirixidos a impulsar o inicio de actividade por conta propia (12 millóns); os destinados á consolidación e mellora da competitividade de negocios de persoas traballadoras autónomas que leven polo menos 42 meses de actividade empresarial (8 millóns); as axudas á contratación de ata o terceiro traballador (1,3 millóns); os apoios para favorecer a conciliación (1 millón); e os centrados en impulsar as empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), que contan cun orzamento de 500.000 euros.
De xeito específico para o emprendemento, ata a mesma data pódese optar ás axudas que con 7 millóns de euros están dirixidas a pemes, persoas traballadoras autónomas e entidades da economía social, que teñan iniciado a súa actividade desde o 1 de xaneiro de 2021 (ou máis tarde) e permanezan en activo, para cubrir investimentos en equipamento informático, eficiencia enerxética, reformas de locais ou de mobiliario, entre outros, realizados desde o pasado 5 de novembro.
Para a Xunta, os traballadores autónomos e emprendedores son un colectivo prioritario: Galicia é cun 19,96% a primeira comunidade autónoma con maior peso deste colectivo (no Estado representa o 16,07%). Na actualidade, o Goberno autonómico está a deseñar, da man da Mesa do Emprego Autónomo, a Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo 2023-2026, que contará cun orzamento superior aos 200 millóns de euros. A Administración galega mantén, deste xeito, un diálogo constante e fluído con este colectivo para atender as necesidades tanto dos que empezan como dos que precisan consolidar a súa actividade económica.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ademais, ten en marcha a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego coa que se pretende dinamizar o territorio a través da creación de emprego de calidade e o asentamento da poboación: hai oito en marcha e prevese que a finais de ano estean funcionando quince, cubrindo o 100% do territorio galego. Esta rede, en concreto, está a prestar asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin.