A convocatoria está dirixida a todas as mozas e mozos non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos. Os interesados en participar poden inscribirse nalgunha das 14 categorías que ten o certame: creación de videoxogos, novela curta, cociña, teatro, artes plásticas, fotografía, música, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, deseño de xoias, moda e danza moderna.
Cada unha destas especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3000 euros; o segundo, de 1500; e o terceiro, de 1000 euros; así como mencións de honra sen dotación económica. Ademais, desde o pasado ano incluíuse un premio especial de 1000 euros para a modalidade de música clásica dentro da especialidade de música. A obra gañadora poderá ser proposta para participar en festivais de música de Galicia así como en eventos de similares.
Como novidade, increméntanse de 6 a 8 as obras que poden chegar á fase final na especialidade de Danza Moderna; e se elimina o número máximo de integrantes dos grupos de creación de Videoxogos, ata agora de 5.
Na especialidade de teatro, ofrecerase aos gañadores a posibilidade de entrar na selección dun programa de formación e mentorizaxe para poñer en marcha unha compañía teatral.
Programa Xuventude Crea
A consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia convoca anualmente desde 2010 o programa Xuventude Crea, un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación. Xa levan participado no programa máis de 4.400 mozos e mozas, con 3.254 obras e proxectos creativos, 540 premios repartidos e case 800.000 euros en dotacións económicas.
Xuventude Crea pretende ser un trampolín para mostrar as propostas da mocidade galega ademais de axudar economicamente. As obras e artistas máis recentes de Xuventude Crea poden consultarse no museo web do programa: www.museoxuventudecrea.gal.