Os servizos que conectan estas localidades e as zonas de praia refórzanse para atender a demanda de transporte público específica durante esta época para os desprazamentos aos areais.
Dúas das liñas de autobús que atenden a conexión Vigo-Baiona contan en agosto con servizos reforzados, unha delas, con paradas nas praias de Nigrán: Praia América, Panxón e Patos.
Estas liñas realizarán 187 servizos máis á semana con respecto aos meses de setembro a xuño, 27 máis ao día de luns a sábado, e 25 máis os domingos e festivos.
Así, entre Vigo e Baiona os autobuses teñen frecuencias de ata 15 minutos en moitas horas do día, en momentos de maior demanda, e hai servizos cada hora durante a tarde na conexión cos areais de Nigrán.
Entre Vigo e Gondomar, a liña que realiza paradas en Praia América, Panxón e Patos terá en agosto 29 servizos máis á semana que nos meses de setembro a xuño. Son 5 máis ao día de luns a venres e 2 máis sábados, domingos e festivos.
Estes reforzos permiten ter autobuses case cada hora durante a tarde entre semana, e nas fins de semana, horarios adecuados aos desprazamentos á praia.
Ademais, a oferta de servizos facilita as viaxes en transporte público á praia desde outros concellos da área do sur de Vigo, con liñas directas sen paradas intermedias desde O Porriño e Tui a Praia América, en Nigrán.
Desde O Porriño, os cidadáns dispoñen en agosto dun servizo de ida e outro de volta todos os días da semana, con saída ás 15,00 horas e regreso ás 20,30 horas desde o areal. Ao non realizar paradas intermedias, a duración é de só 30 minutos.
Esta liña directa pode ser empregada polos usuarios de Ponteareas, tras os axustes realizados desde o 1 de agosto para mellorar a coordinación cos servizos que conectan Ponteareas e Vigo e facilitar os enlaces no Porriño.
Desde Tui tamén hai unha liña directa a Praia América cunha expedición de ida e outra de volta de luns a domingo, con saída de Tui ás 12,00 horas e volta ás 19,00 horas.
Con esta oferta de servizos de autobús, a Xunta atende a demanda de mobilidade que existe no verán nesta área e facilita os desprazamentos á praia en transporte público, como principal alternativa ao vehículo particular, evitando a saturación de tráfico e as emisións contaminantes nos desprazamentos aos areais.
Nestes servizos, como en todos os autobuses da Xunta, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova.
Tamén o resto de usuarios do transporte público da Xunta poden beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG.